DATOS PERSOAIS

Chapela, Pontevedra/Galicia
Este é un blog de medio ambiente, consumo e igualdade creado no curso 2010/11 no IES Chapela

martes, 12 de abril de 2011

O IMPERIO DO CONSUMO

A maioría das persoas, que se endebedan para ter cousas, terminan tendo nada máis que débedas para pagar débedas que xeran novas débedas e acaban consumindo fantasías que ás veces materializan delinquindo. O dereito ao malgaste, privilexio de poucos, di ser a liberdade de todos. Dime canto consumes e direiche canto vales. Esta civilización non deixa durmir ás flores, nin ás galiñas, nin á xente. Nos invernadoiros, as flores están sometidas a luz continua, para que medren máis rápido. Nas fábricas de ovos, as galiñas tamén teñen prohibida a noite. E a xente está condenada ao insomnio, pola ansiedade de comprar e a angustia de pagar. Este xeito de vida non é moi bo para a xente, pero é moi bo para a industria farmacéutica. EUA consume a metade dos sedantes, ansiolíticos e demais drogas químicas que se venden legalmente no mundo e máis da metade das drogas prohibidas que se venden ilegalmente, o que non é moco de pavo se se ten en conta que EUA apenas suma o cinco por cento da poboación mundial […].
As masas consumidoras reciben ordes no idioma universal da publicidade que logrou o que o esperanto quixo e non puido. Calquera entende, en calquera lugar, as mensaxes que o televisor transmite. No último cuarto de século, os gastos de publicidade duplicáronse no mundo. Grazas a eles, os nenos pobres toman cada vez máis Coca-Cola e cada vez menos leite, e o tempo de lecer vaise facendo tempo de consumo obrigatorio. Tempo libre, tempo prisioneiro: as casas moi pobres non teñen cama, pero teñen televisor e o televisor ten a palabra. Mercado a prazos, ese animaliño proba a vocación democrática do progreso: a ninguén escoita, pero fala para todos. Pobres e ricos coñecen, así, as virtudes dos automóbiles último modelo, e pobres e ricos saben das vantaxosas taxas de interese que tal ou cal banco ofrece […].
Os expertos saben converter as mercadorías en máxicos conxuntos contra a soidade. As cousas teñen atributos humanos: acarician, acompañan, comprenden, axudan, o perfume bícate e o auto é o amigo que nunca falla. A cultura do consumo fixo da soidade o máis lucrativo dos mercados. Os buratos do peito énchense ateigándoos de cousas, ou soñando con facelo. E as cousas non soamente se poden abrazar: elas tamén poden ser símbolos de ascenso social, salvocondutos para atravesar as aduanas da sociedade de clases, chaves que abren as portas prohibidas. Canto máis exclusivas, mellor: as cousas elíxente e sálvante do anonimato multitudinario. A publicidade non informa sobre o produto que vende, ou rara vez o fai. Iso é o de menos. A súa función primordial consiste en compensar frustracións e alimentar fantasías.
Eduardo Galeano: O imperio do consumo
Publicado en www.ecoportal.net 14-03-2007
AGORA APLÍCAO:

No hay comentarios:

Publicar un comentario

SIAREIROS